Monday 29 de April de 2024

Rueda destaca que o interese de Resonac por consolidarse en Galicia demostra o potencial da comunidade para liderar industrias que farán unha sociedade máis sostible


— Salienta as “enormes posibilidades” para a mobilidade sostible que xeran proxectos industrias como o de Resonac dirixido ao desenvolvemento do vehículo eléctrico

— Reafirma o compromiso do Goberno galego coas empresas que queiran investir na Comunidade dando facilidades, certezas e estabilidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca que o interese da firma de orixe nipón Resonac Graphite Spain por consolidarse en Galicia demostra o potencial da Comunidade para liderar industrias que farán unha sociedade más sostible. O titular do Goberno galego visitou a sede da empresa electrointensiva no polígono industrial de Agrela (A Coruña), para coñecer de primeira man os proxectos industriais nos que traballa a compañía.

Alfonso Rueda agradeceu aos responsables da firma que o seu futuro pase por permanecer e medrar en Galicia, tanto nun sector no que xa é líder -a fabricación de eléctrodos de grafito-, como na constante innovación na fabricación e comercialización de novos produtos -ánodos de baterías para vehículos eléctricos-, avanzando cara a unha industria sostible, respectuosa co medio ambiente e competitiva.

O titular do Goberno galego salientou as “enormes posibilidades” para a mobilidade sostible que xeran proxectos industriais como nos que traballa Resonac dirixidos ao desenvolvemento do vehículo eléctrico. “Aquí hai moitísimo futuro”, asegurou. E garantiu o apoio da Xunta de Galicia nesta nova andaina da firma na nosa Comunidade porque -recordou- a obriga da Administración é facilitar a implantación de proxectos como o desta internacional “que paga a pena porque está entroncada no futuro”, indicou.

O presidente da Xunta reafirmou o compromiso do Goberno galego coas empresas que queiran investir na Comunidade. Con ese obxectivo, desde a Administración autonómica se lles dá facilidades -con bonificacións de ata o 50 % para implantarse en territorio galego-, certezas -coa creación de figuras como a iniciativa empresarial prioritaria ou o proxecto empresarial estratéxico-, e estabilidade -con medidas para abaratar a factura eléctrica das grandes empresas-.

No caso de Resonac, o pasado mes de xuño autorizouse ao Ministerio para a Transición Ecolóxica o inicio da tramitación de dous parques eólicos que subministrarán enerxía á planta da Coruña, dous proxectos que veñen de obter tamén a declaración de impacto ambiental positiva.